Loading...

A produtora

A produtora VÍA LÁCTEA FILMES, a través do seu inquebrantable compromiso
coa cultura galega e a sétima arte, logrou labrarse durante as
dúas últimas décadas unha notable reputación a nivel galego e estatal.
Ao prestixio e recoñecemento manifestados por público e crítica, súmase
o respecto por parte das entidades e institucións coas que colaborou
reiteradamente.

Longametraxes coma Pradolongo (2008), Vilamor (2012), A esmorga
(2014) e Sicixia (2016) calaron na sociedade e constitúen auténticos
estandartes da cinematografía galega.

A decidida aposta de VÍA LÁCTEA FILMES polo cinema rodado en galego
permítelle posicionarse como unha produtora atípica e valiosa no
mundo globalizado actual, tal e como demostra a boa acollida das súas
obras non só en salas de cinema senón tamén en festivais de cine internacionais.

A súa creatividade e capacidade de superación quedaron patentes non
só na temática das súas obras senón tamén na súa ambiciosa labor de
distribución, a través de campañas de promoción inéditas, cun extraordinario
impacto en medios de comunicación e billeteira.

O seu interese por sectores de público tradicionalmente esquecidos polos
grandes circuítos de distribución permitiulle ademais facer sentir partícipes
a milleiros de persoas dun auténtico fenómeno cultural.

Cabe sinalar ademais que a calidade das súas obras ven avalada por unha
coidadosa escolla do equipo técnico e artístico, que combina unha aposta
por novos talentos con profesionais cunha contrastada traxectoria profesional.