Loading...

Ignacio Vilar entrevistado por Nerea Magide, El Progreso 29/08/2020

“Ignacio Vilar, director de cine, leva unha vida comprometido coa lingua e a cultura galega. Os seus filmes,
numerosas veces laureados, espallaron por todo o mundo as paisaxes e historias de Galicia.

«O cine galego busca participantes,
non un público que sexa pasivo»

Lastre
Dobrar un filme é estragar todo o traballo que fixo un actor. É o peor que se lle pode facer a unha película»
Lingua
Para meterme nunha historia ten que ser algo moi profundo e para min o máis profundo é o meu idioma galego»

 

 

O PETINÉS Ignacio Vilar, non conforme con dirixir a primeira longametraxe en galego nominada a un Goya, ‘A Esmorga’, regresa aos cines con ‘María Solinha’, gañadora do Taormina Film Fest, que leva ao mundo actual a historia da canguesa queimada en 1621 acusada de bruxería.

. Por que comeza a pensar en contar a historia de María Solinha?

En España, nos últimos tres anos, houbo moitas agresións a mulleres. E influído por iso descubrín a María Solinha e decidín aportar o meu grao de area a ver se logramos matar definitivamente ese ‘dragón’.

.Como descubriu ese dragón?

Descubrín a Festa da Coca,en Redondela, que non ten nada que ver co catolicismo e onde hai unha lenda.

.Que conta esa lenda?

Hai séculos había un dragón que vivía baixo a Illa de San Simón, nas profundidades da ría de Vigo. Unha vez ao ano, ese dragón subía secuestrar mozas de Redondela para levalas á súa cova e violalas. Un bo día, os mariñeiros matan con espadas o dragón. Cando descubrín a festa pensei que os mariñeiros de Redondela non mataran definitivamente o dragón; no século XXI ten outra máscara.

.Cales foron os principais problemas cos que se atopou para facer o filme?

O máis difícil foi o financiamento. Despois o guión. O proceso levou 9 meses. Intentamos respectar a lenda de María Solinha. A historia conta que a queimaron sobre 1621. Investigamos e atopamos outra muller igual, coa mesma historia que María Solinha, pero en Noruega, Anne Pedersdotter, queimada en 1590. Esta historia está documentada, o que nos reafirma en que a lenda de María Solinha ten moito de verdade.

.Como conseguiron ao final o financiamente preciso?

Cando se nos ocorreu a idea falamos co alcalde de Cangas, onde cada ano representan a lenda. A primeira semente de apoio económico foi deles, a seguinte foi o Concello de Redondela, e despois a Agadic. O filme ten financiamento 100% galego. Os actores tamén son 100% galegos.

.Como ve o panorama do cinema galego?

Chano Piñeiro foi abrindo camiño con ‘Sempre Xonxa’. Trinta anos despois ese camiño xa se fixo máis ancho e as nosas películas viaxan polo mundo, gañan festivais e enchen cines. O Parlamento Galego aprobou nos anos 90 que o cine é un sector estratéxico e aínda que temos apoios, necesitamos máis. Ter cine galego é ter un grande escaparete para as nosas historias e a nosa cultura.

.Ocorreu iso co premio no festival de Taormina?

Competimos con 200 películas de todo o mundo e quedamos 11 para a sección oficial. Desas once, había películas de Francia, un dos grandes produtores de cine no mundo, Reino Unido ou Turquía. Gañou María Solinha. O director do festival díxonos que os sete membros do xurado desubriron de pronto un país, unha lingua, unha cultura propia e unha das grandes mulleres que loitou por ser libre. Polos coloquios nos que participo podo dicir que a María Solinha non a coñece ninguén e a Festa da Coca tampouco. Grazas ao cine, estase descubrindo unha das nosas grandes festas populares.

.Que muller actual podería identificar con María Solinha?

Nasrin Sotoudeh, unha avogada iraniana que foi condenada a lategazos por defender ás mulleres que se negaban a acatar as leis sobre o uso do velo, a avogada kurda Ebru Timtik, a piques de morrer de folga de fame, e a vítima da Manada nos Sanfermíns

.A dobraxe é un cancro para o cine?

Si, hai poucos países nos que a haxa e por desgraza un deles é o Estado español. Despois do traballo que fas cunha actriz para que o poña todo na voz ao interpretar, dobralo é estragar toda esa actuación. É o peor que se lle pode facer a unha película.

.O cine galego é moi profundo?

É un cine moi interesante que busca participantes, non espectadores. Un espectador é un ser pasivo. Por exemplo, María Solinha está feita para participantes, para seren creativos.

.Cre que falta dentro do noso cine unha gran comedia?

Cando se normaliza unha industria cinematográfica ten que haber todos os xéneros e si, falta ciencia ficción ou falta comedia, pero estamos no camiño.

.Vostede, por exemplo, veríase facendo comedia?

Si. De feito, estivemos dándolle voltas. Para min unha das películas máis grandes da historia do

cinema é ‘O apartamento’, de Billy Wilder.

.E veríase facendo cinema en castelán?

Non. Cando penso unha historia pénsoa en galego e non me vexo falando noutro idioma. Para meterme nunha historia ten que ser algo moi profundo, e para min o profundo é o meu idioma.

.Cal foi a decisión máis dura que tivo que tomar para poder rodar ?

Facelo sen o 100% financiado, como en María Solinha. Conséguese sufrindo… ja, ja, ja. Cando

te lanzas ao río a nadar, como non sigas afogas.

.Cal é o seu filme favorito?

Hai moitos, por exemplo, ‘Au revoir les enfants’, de Louis Malle.

.A súa serie favorita?

‘Eu, Claudio’.

.Unha película pouco coñecida que todo o mundo debería ver?

‘O gatopardo’, do italiano Luchino Visconti.”

 

por: Nerea Magide
foto : Elizabeth López (efe)

El progreso, 29 de agosto de 2020

foto portada: Vía Láctea Filmes

Deixa un comentario

Non publicaremos o teu correo electrónico. Os campos marcados con * son obgrigatorios