Diario de mis veranos. Ignacio Vilar
Artigo de Ignacio Vilar, La Voz de Galicia • Sábado, 22 de agosto del 2020
«O vrao era volver a Petín
despois de 9 meses no “presidio”
dun internado de curas»
O cineasta descubriu a súa vocación nas noites de contadas
Os meus mellores vraos, da miña adolescencia, foron en Castrofolla (Petín), despois de pasar nove meses no «presidio» dun internado de curas, na cidade de Ourense.
O primeiro día que baixaba do tren na estación da Rúa de Petín, ía correndo ca maleta dous quilómetros ata chegar á aldea da casa dos meus avós (os meus pais emigraran a Venezuela). Achegábame á horta e abrazaba, buscando acougo, nunha ameixeira e despois subía a ela a sentir o pracer que me daban aquelas froitas maduras cada ano. Ises sabores adiantaban os tres meses dos meus millores vraos de liberdade en Valdeorras.
Eran aqueles vraos que pasabamos a nado ás illas que formaran o encoro entre a Rúa e Petín, xogando ás agochadas, nadando polas pozas de illa en illa, subindo as árbores e vivindo intensamente ese tempo da adolescencia.
Tamén era o tempo de axudar aos veciños nos traballos da horta, da viña, do gando e acompañar ás mulleres a lavar a roupa ao regueiro.
Lembro tamén esas noites na eira iluminada polas estrelas, onde escoitaba esas historias milenarias contadas por grandes narradores que as aprenderan, dunha tradición oral de séculos. Eses contos foron os que me levaron ao cinema, a seguir a tradición dos meus veciños que engadían á necesidade do simbólico, necesidade de contar as súas historias, á necesidade de dar sentido ás labores do ano en vez no campo: vez da vendima, vez da matanza e vez da malla.
Na praza de Petín. De mozo, Ignacio Vilar pasa moitas das horas
do vrao na praza de Petín, epicentro de vida social da localidade. Na
foto, cos seus amigos Darío e Nito, aló polo 1966.
O desexo de vivir intensamente ese vrao de liberdade, levábame todos os vraos a subir ao cumio máis alto de Pena Trevinca, pasando pola Lagoa de Ocelo e a Lagoa da Serpe. Naquelas augas glaciais e cristalinas ollaba a miña imaxe reflectida coas altas montañas nunha comuñón total co Universo. Sentir esa inmensidade, era coller enerxía para resistir eses nove meses que me agardaban no inverno de represión e adoutrinamento no «Espíritu Nacional Católico» da ditadura de Franco.
«Este está sendo o verán no que tocou reinventarse»
A verdade é que pra vivir este vrao tiven que darlle á imaxinación e á creatividade. Iso significou, reinventar a maneira de estrear a miña última película María Solinha.
O 15 de maio pecharamos a exhibición do filme en tódalas salas comerciais de cinema en Galicia, e nas grandes cidades de España (Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Sevilla etc.). Pero pecharon todos os cines. Entón decidimos estrear o filme ao ar libre e en autocine.
O venres 19 de xuño comezamos as proxecciois ao ar libre de María Solinha en Redondela, o sábado 20 de xuño en Cangas de Morrazo e o domingo 21 de xuño montamos o primeiro autocine de Galicia en Verín. Esa primeira proxección dentro dos coches, foi un éxito. Ademais, tódolos restaurantes da vila elaboraron un «Menú de Cine» e venderon, nunha aplicación creada en Internet, moitos menús que levaban en bandexas especiais aos coches.
Este vrao covid-19 lévame a viaxar por todo o país presentando a película e intercambiando e debatendo a historia dunha muller de Cangas de Morrazo que loitou por ser libre no século XVII, acusaron de bruxa e queimou a Inquisición.
Os lectores poden acceder as moitas proxeccións que quedan ata finais de setembro en: CALENDARIO MARÍA SOLINHA