Loading...

MARÍA SOLINHA. XA ESTAMOS PRETO!!.

Xa queda menos, apenas uns días para a estrea de  María Solinha (Ignacio Vilar 2020)  e seguen chegando reflexións sobre o filme.

A escritora e profesora  Mercedes Queixas, colaboradora de Sermos Galiza, publica este artigo de opinión no Nós Diario do xoves 21 de maio.

Antonio Durán “Morris” e Grial Montes

Laura Míguez, Santi Prego e Ignacio Vilar.

Ai, que soliña quedache,/María Soliña.

Con este célebre retrouso poético de Celso Emilio Ferreiro nas voces de Los tamara, Amancio Prada, Benedicto, Luar na Lubre ou María do Ceo, comezo o visionado da que vai ser en breve a nova estrea cinematográfica do director Ignacio Vilar, Maria Solinha.

Envólvome na sucesión de tempos, espazos, personaxes en sombra, na descuberta de protagonistas vivas e axiña a sucesión de créditos asoma inoportuno para colocar o punto e final.

Pregúntome cal é a impresión que permanece en min, como cando remato unha lectura que me posuíu, que se fixo dona do meu ser apropiándose do meu tempo e do meu pensar.

E xorde a palabra que o explica, que sintetiza os minutos que non permiten fuxir da pantalla para non perder sensorialmente o arrecedendo a argazo, o alento purificador do lume ou a vizosidade da natura raíña e señora.

Tensión. Eis a palabra que me sostivo inquieta.

Tensión entre tempos históricos que se abrazan coa memoria como cordón umbilical sen apenas se rozaren entre a contemporaneidade e o século XVII. Tensión entre a perspectiva pagá e relixiosa para entender o poder e gobernar a creación. Tensión entre as protagonistas, dúas mozas que transitan os camiños das descubertas nun xogo de confusión entre os planos da representación dramática, da escenificación actoral, e a propia evolución íntima e persoal que se ispe cara ao autocoñecemento. Tensión entre as variedades diacrónicas e dialectais do idioma galego como instrumento de verosimilitude. Tensión nos xogos de silencios e na comunicación das miradas que sosteñen os fotogramas como elos do desexo. Tensión entre as idades da muller ao longo da historia, corpos ciclicamente atacados, errantes en perigo asexante e medo insuperábel.

Tensión nunha sucesión de planos que non contan, só evocan para que os ollos que reciben reconstrúan os fíos que van asomando. Porque somos nós, as espectadoras, quen debe darlle a forma definitiva ao filme. Libre. Como a vida das mulleres.”

Mercedes Queixas

Artigo Nós Diario 21/05/2020

Deixa un comentario

Non publicaremos o teu correo electrónico. Os campos marcados con * son obgrigatorios